A UCI recibe moitas críticas desde todos os estamentos do ciclismo, pero non se pode negar que o ranking adquiriu unha relevancia necesaria. Á importancia de gañar as carreiras máis importantes do mundo, súmase a competencia continua entre os equipos por prevalecer na elite. O sistema seguramente é, matematicamente, mellorable. As ponderacións das diferentes carreiras requiren dunha revisión continua, e por iso ao final de cada trienio modificouse, de maior ou menor forma, a escala de puntuación. Pero o que é innegable é como grazas a este sistema se loita en todas as probas por cada punto e por cada posto, e iso incentiva a que o aficionado se pegue ao televisor a ver cada carreira.
Engadir alicientes deportivos que fomenten pelexar polo mellor resultado posible é un dos maiores acertos que lle puido acontecer a un deporte como é o do cabaliño de aceiro. O ranking pasou de ser un baremo de puntuación, sen máis, a ser o primeiro que teñen en conta os equipos cando van a disputar unha proba. O conformismo transformouse en competitividade, porque se non se pode gañar, existe algo máis polo que dar batalla ata o final. E iso xa é unha vitoria que favorece o espectáculo no ciclismo.
Autor da reportaxe: Santiago Sampayo Pacín
Contacto: asvoltasquedanospuntos@gmail.com
© 2026 | As Voltas que dan os Puntos | Todos os dereitos reservados

