top of page

Os antecedentes

dun 'ranking oculto'

O conxunto Visma, histórica escuadra holandesa, comandando o pelotón nunha etapa do Gran Camiño / CUCO PINO

ETAPA 1

Na década dos 80, desde a Unión Ciclista Internacional (UCI) liderada polo valenciano Luis Puig, considerouse que o ciclismo estaba quedando atrás con respecto a outras disciplinas deportivas. Durante a década anterior, incluso a Asociación de Tenistas Profesionais (ATP) creara no mundo do tenis o ATP Ranking (1973), un sistema de puntuacións fundado coa finalidade de determinar en que posicións se situaban os mellores tenistas do mundo. Os ciclistas de renome competían nas carreiras máis importantes (as cales se gañaron ese prestixio por tradición), pero non existía unha clasificación numérica que cuantificara de maneira cen por cen obxectiva cales eran os mellores corredores do mundo. Polo tanto, desde a Federación Internacional de Ciclismo Profesional (FICP, dependente da UCI), o seu presidente, o holandés Hein Verbruggen, impulsou no 1984 o FICP Ranking.

Ata os anos 80, os organizadores das Grandes Voltas elixían sen ningún tipo de condicionante aos equipos que formarían parte das mesmas. Terio Carrera e Andrés Vieites, xornalistas históricos da Televisión de Galicia e tamén especialistas en ciclismo, recordan como nos seus inicios (a mediados dos 80) o criterio principal que utilizaban Giro, Tour e Vuelta para elixir aos equipos eran a nacionalidade dos mesmos e os patrocinadores que os representarían na carreira.

No 1989, o ranking ideado cinco anos antes acadaría unha importancia trascendental no mundo do ciclismo. Nese ano, se os mellores ciclistas das estruturas non obtiñan resultados, a clasificación directa para o Tour de Francia perigaba. En xeral, todos os equipos querían participar no Tour ao ser o maior escaparate mundial do ciclismo, onde as marcas das diferentes escuadras poderían mostrarse ao mundo.

A meta de Hein Verbruggen, o “arquitecto” do proxecto, era expandir o deporte do ciclismo por todo o mundo. Naquela época, o ciclismo só era verdadeiramente popular en catro países: España, pola tradición de organizar moitas voltas por etapas no seu territorio; Bélxica, polas múltiples carreiras dun día importantes que albergaron desde os comezos do século XX; e Francia e Italia, por unha combinación de ambas (voltas e clásicas).

Entre o 1989 e o 2004, a presenza de forma directa no Tour dirimiuse pola cantidade de puntos que obtiñan os equipos cada ano nas probas UCI nas que competían, aínda que o número de cupos por ranking variou en case todas as edicións. No Tour de 1989, tal e como se explicaba no xornal holandés Het Vrije Volk en outubro de 1988, os 18 primeiros entrarían por ranking. En cambio, outros anos foron 17, 16, 15 ou 14 os que accederían á carreira francesa desta forma. Isto permitíalle ao Tour de Francia contar sempre cun número amplo de invitacións (sempre tres ou máis) para non deixar fóra a ningún equipo francés que lle puidera interesar que estivera en carreira.

Participar no Tour por méritos deportivos

Creación dunha liga pechada: o ProTour

A reforma notouse sobre todo no número de corredores que pasaron a formar parte de cada equipo ProTeam (nome que recibían os conxunto pertencentes ao ProTour). Para Marcos Serrano, exciclista profesional entre 1993 e 2007 (gañador dunha etapa no Tour do 2005) que neses anos corría na ONCE / Liberty Seguros, supuxo un cambio moi grande.

O ProTour botaría a andar en 2005, o que obrigaba aos 20 equipos que o compoñían nun principio (ProTeams) a correr obrigatoriamente nun calendario selecto de 28 carreiras, as máis importantes do mundo. Tamén habería unha segunda categoría de equipos (Continentais Profesionais), os cales poderían correr nas carreiras ProTour mediante invitación.

Ademais, fundaríase unha terceira división (Continentais) na que as escuadras pertencentes á mesma só poderían competir nas probas dos circuítos continentais, carreiras profesionais que quedaron fóra do ProTour (clasificadas de maior a menor categoría como probas ‘.HC’, ‘.1’ e ‘.2’) e que formaban parte dun calendario propio existente en cada continente. En consecuencia, para as carreiras profesionais, pasaron a existir dúas escalas de puntuación: unha foi a utilizada no UCI ProTour, e outra foi a empregada no ranking de cada continente no que se computaban o resto de carreiras (Continental Rankings).

Estas imposicións por parte da UCI sobre que equipos debían competir nas diferentes carreiras non gustaron aos organizadores de Giro (RCS), Tour (Amaury Sports Organisation) e Vuelta (Unipublic). Sobre todo a perda de poder por parte do Giro e da Vuelta foi moi notoria, xa que pasaron de decidir todos os equipos que podían formar parte da súa proba (entre 19 e 22 dependendo do ano) a soamente poder invitar a un ou dous para completar a nómina total de equipos. En 2005 e 2006, as tres Grandes Voltas víronse obrigadas a contar con dúas decenas de equipos por decreto a pesar da súa disconformidade con esta nova normativa. Inevitablemente, as oportunidades de competir nalgunha Gran Volta para as escuadras do segundo nivel reducíronse de maneira considerable.

En 2004, a UCI confirmou a creación do ProTour, un sistema que situou no que se coñecería como a "primeira división do ciclismo" aos 20 mellores equipos do mundo. Desta forma, conseguíase algo que Manolo Saiz, presidente da Asociación Internacional de Grupos Ciclistas Profesionais (AIGCP) e manager do equipo español ONCE neses intres, buscara desde os anos 90: que os dereitos televisivos se repartiran entre os mellores equipos do pelotón. 

No 2007 seguiron formando parte do ProTour 20 equipos, mentres que entre 2008 e 2010, a cifra rebaixouse a 18. En cambio, nestes catro anos, polas desavinzas entre os organizadores das Grandes Voltas e a UCI (nunha época moi convulsa con numerosas escuadras involucradas en casos de dopaxe), Tour, Giro e Vuelta non contaron con licenza ProTour. Isto conlevou a que os organizadores destas carreiras tiveran a potestade de deixar fóra aos equipos de primeira división que consideraran oportuno, e tamén a que os propios conxuntos ProTeams puideran decidir participar ou non nas mesmas.

Precisamente no período 2007-2010 viuse beneficiado un conxunto galego, o Xacobeo-Galicia. Durante o primeiro ano denominado como Karpin-Galicia, o equipo de segunda división foi invitado a cada unha das catro edicións da Vuelta a España, e tamén tivo a oportunidade de competir no Giro de Italia do ano 2009, debido á "boa relación que gardaba o director deportivo do equipo, Álvaro Pino (gañador da Vuelta do 1986) co director do Giro”, en palabras do xornalista Terio Carrera.

Nestes anos, os puntos UCI apenas tiñan relevancia, tal e como recorda Ezequiel Mosquera, exciclista profesional (2.º na Vuelta a España do 2010) que correu eses 4 anos para o equipo galego. Afirma que non era algo que se mirara nin nos equipos nin nas organizacións das grandes carreiras.

O WorldTour chega para quedarse

A partir do 2011 o UCI ProTour cambiou de denominación, e pasou a chamarse UCI WorldTour. Finalmente, tras anos de loitas e disputas, as organizacións das Grandes Voltas sucumbiron ante os desexos da UCI, e accederon a formar parte do calendario WorldTour. Os equipos que formaban parte desta categoría (os WorldTeams) tiñan a obriga de asistir ás tres Grandes Voltas, sen que os organizadores puideran excluílos.

Na teoría, o mérito deportivo era un dos criterios que a UCI tiña en conta cada ano para decidir se un equipo podía permanecer en primeira división ou descender a segunda, ao mesmo nivel que os requisitos administrativos, éticos e económicos. Pero o máximo estamento do ciclismo non aclaraba en ningún lugar se ese “mérito deportivo” tiña que ver con algún ranking.

Ao igual que no ProTour, as carreiras WorldTour tiñan unha escala diferente con respecto ás probas dos Continental Rankings, polo que a falta de uniformidade da UCI dificultaba saber ata que punto eran importantes os puntos. De feito, no 2012, segundo o medio especializado Inner Ring, sobre o regulamento da UCI, “a única referencia ao valor deportivo é que se ‘calcula sobre a base dunha escala de puntos aprobada polo UCI Professional Cycling council’. En cambio, non se explica en que consiste a devandita escala”.

Nestes anos, ningún equipo ascendeu nin descendeu do WorldTour por culpa dos puntos UCI. É certo que existe o caso do equipo Europcar francés (actualmente baixo o nome de Total Energies), que estivo un ano na primeira división (2014) para posteriormente non renovar a súa licenza ao non poder cumprir co criterio económico requirido pola UCI para permancer nela. Este inconvinte non implicou a súa desaparición, xa que a estrutura continuou competindo durante os seguintes anos como equipo Continental Profesional.

Outras escuadras naceron directamente na categoría WorldTour sen pasar por divisións inferiores, como a australiana Orica GreenEDGE no 2012 (coñecida dez anos máis tarde como Team BikeExchange-Jayco) ou o Bahrain-Merida no 2017. A desaparición de equipos na primeira división favorecía á UCI a posibilidade de dar entrada a outros sen saírse dos 17, 18 ou 19 que quería manter no WorldTour. Segundo Ezequiel Mosquera, os acordos económicos ou administrativos aos que se puideran chegar eran os criterios máis importantes para obter a licenza.

A perda de España co ProTour

Para España, a creación do ProTour (posterior WorldTour) non foi positiva. O ProTour implicara a formación dunha primeira división de equipos, pero tamén dunha segunda e dunha terceira. O número de equipos españois con opcións de participar na Vuelta a España diminuíu de forma notoria. Se ben en 2005 había catro estruturas españolas na primeira división (Caisse d’Epargne / Movistar Team, Euskaltel-Euskadi, Saunier Duval / Servetto, e Liberty Seguros), dez anos máis tarde soamente resistía unha, o Movistar Team. Da segunda división, múltiples equipos tiveron a oportunidade de correla nesa década, pero en 2014, ao igual que na primeira división, só quedaba unha escuadra na categoría, o Caja Rural. Este ano deuse o caso de que por primeira vez, menos do 10 % dos equipos participantes na ronda española eran nacionais.

Nesa década (2004-2014), múltiples conxuntos fundáronse en terceira division, sabendo que lles sería imposible correr a carreira da casa baixo a regulamentación imperante. Iso provocou que en 2014 o ciclismo español tocara fondo, xa que únicamente existían catro equipos con licenza UCI: o Movistar Team (WorldTeam), o Caja Rural (Continental Profesional), e o Burgos-BH e o Euskadi (Continentais). Os escándalos de dopaxe nalgúns casos, e os problemas pola falta de sponsors noutros (como consecuencia da crise económica), propiciaron a diminución das escuadras españolas.

O último en desaparecer de todos estes equipos foi o Euskaltel-Euskadi no ano 2013, e pode que o ranking influíra neste desenlace do equipo. Entre a ambigüidade que mostraba a UCI en canto se falaba dos méritos deportivos, si se aclaraba que para 2013 se tería en conta o “rendemento” dos mellores 15 ciclistas pertencentes a cada estrutura nas dúas temporadas anteriores, independentemente do equipo ou equipos para os que correran neses anos (neste caso, 2011 e 2012).

Desde o Euskaltel-Euskadi, entenderon que se tería en conta dalgunha maneira o ranking á hora de elixir os equipos que permanecerían no WorldTour, polo que no ano 2012, o conxunto vasco decidiu cambiar a súa política de fichaxes. Ao igual que o Athletic Club no fútbol, no Euskaltel só competían aqueles ciclistas nados ou formados en Euskadi. En cambio, na temporada 2013, oito dos 29 ciclistas que formaban o equipo non tiñan ningunha vinculación coa terra (dous eslovenos, dous alemáns, un portugués, un marroquí, un ruso e un grego). Estes corredores fichados de equipos de inferior categoría “sacaron moitos puntos nos Circuítos Continentais, algo que nos asegurou a permanencia no WorldTour”, tal e como afirmaba por aquel entón o director deportivo Igor González de Galdeano no acto de presentación do equipo de 2013 cuberto polo diario Marca.

Segundo Marcos Serrano, esta internacionalización do equipo foi “unha aposta por sobrevivir que posteriormente parece que serviu como a desculpa perfecta para botar o equipo abaixo”, xa que ese ano 2013 foi a derradeira temporada desa estrutura do Euskaltel-Euskadi (anos máis tarde nacería outra que compite baixo o mesmo nome). Polo tanto, o ciclismo español non soubo agarrarse ao WorldTour.

En 2019, a UCI decidiu eliminar o ranking do UCI WorldTour para ter en conta todas as carreiras profesionais baixo unha mesma escala de puntuación (como se fixera ata finais de 2004). A nova clasificación recibiu o nome de UCI World Ranking. De todas formas, o ranking seguía parecendo algo anecdótico, unha clasificación superficial. O que daba prestixio a un equipo era gañar ou quedar arriba nas mellores carreiras do mundo. Como apuntaba Terio Carrera, o obxectivo dos equipos pasaba por “correr as tres Grandes Voltas ata que se cansase o patrocinador”. Así que os WorldTeams estiveron coa ambición de cumprir as metas impostas polas marcas sen ningunha preocupación adicional… ata 2022.

Contacto: asvoltasquedanospuntos@gmail.com

© 2026 | As Voltas que dan os Puntos | Todos os dereitos reservados

bottom of page