Para 2023, os equipos pediron unha reestruturación do sistema de puntos. Había parámetros a mellorar, xa que as puntuacións das etapas nas Grandes Voltas ou nas voltas WorldTour dunha semana recibían moi pouco premio. Por exemplo, en Giro, Tour e Vuelta só puntuaban os cinco primeiros corredores de cada etapa. Finalmente, a UCI tomou a decisión de darlle máis valor ás carreiras WorldTour para que as probas do calendario alternativo (sobre todo as '.1') deixaran de estar sobrerrepresentadas.
Os 15 primeiros de cada etapa dunha Gran Volta recibirían algún punto, ademais de que se lle engadiría máis valor aos primeiros postos. Os vencedores dunha etapa do Tour pasarían de conseguir 120 puntos a 210, mentres que no Giro e na Vuelta, os 100 puntos que lograba o gañador ascenderían a 180. No resto de voltas soamente puntuaban os tres primeiros por etapa, algo que foi modificado para que os 10 primeiros nas WorldTour e os cinco primeiros nas ‘.Pro’ recibiran todos eles un incentivo polo seu posto ao chegar a meta.
Trienio 2023-2025
Durante o trienio 2020-2022, unicamente se tiñan en conta os puntos dos 10 mellores corredores da estrutura cada ano. A partir de 2023, serían considerados os puntos dos 20 mellores corredores. Cada conxunto WorldTeam e ProTeam non pode contar na súa estrutura con máis de 30 corredores ao inicio da temporada, e no caso dos de primeira división, deben ter contrato un mínimo de 27. É dicir, máis de dous terzos dos ciclistas destas escuadras achegarían un valor numérico ás arcas dos equipos, polo que a importancia dos puntos creceu aínda máis se cabe.
Se antes había un mínimo 15 ciclistas que se podían dedicar a axudar aos seus líderes sen ter que loitar polos puntos (porque non lles ían contar para o cómputo do equipo), a partir de 2023 practicamente todos os corredores sen excepcións debían estar alerta para lograr réditos, sen importar que ciclista fora o que puidera conseguir eses puntos. Polo tanto, para todas as escuadras, a clase media-baixa do equipo adquiriu un valor maior do que tiña no trienio anterior.
Neste trienio, o Israel (NSN desde 2026) e o Lotto aprenderon dos seus erros, polo que desde 2023 mostráronse moito máis fortes que algúns dos equipos WorldTour. Ambas escuadras lograron ser os mellores ProTeams en 2023 e 2024, así que tiveron asegurada a súa presenza nas Grandes Voltas de 2024 e 2025 respectivamente. En concreto sobre o conxunto israelí, a única Gran Volta á que non asistiu foi a Vuelta a España de 2023. Ao depender das invitacións da organización, Giro e Tour aceptaron ao equipo na carreira, mentres que a Vuelta se decantou por invitar a dous conxuntos españois.
O panorama xeopolítico marcou a súa participación na Vuelta 2025. Tras os feitos acontecidos na franxa de Gaza durante o conflito Israel-Palestina, producíronse múltiples actos reivindicativos en defensa do pobo palestino que afectaron ao desenvolvemento de varias etapas da Vuelta. Isto provocou que se adiantaran finais de etapa e se suspendese a carreira antes do seu final en Madrid. A organización non podía botar ao Israel, xa que esa decisión era competencia exclusiva da UCI.
Cando concluíu a mesma, Javier Guillén, director da Vuelta, afirmou nunha conferencia de prensa da que se fixo eco o diario Público, que "as normas de participación ponas a UCI, e é a eles a quen lles corresponde sancionar ou excluír a un equipo". A UCI non tomou ningunha decisión, e a Vuelta sufriu as consecuencias. O Israel participou na ronda española de 2025 seguindo as normas de participación, mentres que en 2023, cando só podía acceder en calidade de invitado pola organización, a Vuelta a España tomou a decisión de deixalo fóra do evento.
Descenso do Cofidis
Coas irrupcións de Lotto e Israel, quedou claro que algún dos equipos de primeira non podería soster a categoría. Un deles sería o Arkea francés, que desaparecería ao final da temporada tras perder a categoría WorldTour. O Astana era o equipo WorldTour que menos puntos fixo nos dous primeiros anos do trienio (13.609 puntos), pero souberon repoñerse para ser o cuarto mellor equipo de 2025, rematar con 30.321 puntos e asegurar a súa praza na primeira división durante tres anos máis. O Intermarché-Wanty (en zona de salvación) fusionaríase co Lotto ao final do 2025, polo que o 18.º lugar se disputaría nos últimos meses da temporada entre o Cofidis francés (WorldTeam) e o Uno-X noruegués (ProTeam).
A batalla durou ata a derradeira clásica do trienio, a Clásica do Véneto (‘1.Pro’), onde o noruegués Sakarias Loland venceu e certificou con eses 200 puntos o ascenso ao WorldTour do Uno-X e o descenso do Cofidis. O conxunto francés rematou o trienio con 25.926 puntos, a case 400 dos logrados pola escuadra escandinava. O español Jesús Herrada, ciclista do Cofidis neses intres e actualmente corredor do Burgos-BH, admitiu que vivir unha situación como esa foi estresante e afectou tanto ao seu rendemento como ao dos seus compañeiros.
De cara a 2026, os tres equipos da segunda división mellor situados no ranking anual durante o trienio 2026-2028, serán os que terán asegurado o poder de decisión de correr as tres Grandes Voltas. Isto acontece un ano despois de que as organizacións de Giro, Tour e Vuelta chegaran a un acordo coa UCI para que unha escuadra máis tivera a oportunidade de participar (de 22 a 23). En 2025, cada organización decidiría tres equipos invitados, pero coa condición de que en 2026 só foran dous, e que esa invitación adicional fora para a terceira mellor escuadra ProTeam. Despois de Tudor (13.º) e Q36.5 (19.º), Cofidis foi a seguinte mellor (20.º), polo que a súa presenza nas tres Grandes estaba asegurada durante un ano.
En cambio, como fixeran Total Energies en 2020 e 2023, Arkea en 2022, e Lotto no período 2023-2025, Cofidis declinou a súa invitación ao Giro de Italia para centrarse en conseguir puntos no calendario francés e nas clásicas belgas do mes de maio. Isto permitiu á organización da prestixiosa carreira italiana poder invitar libremente a outro equipo cada un deses anos (no 2023, a dous). Para Raúl Banqueri, que se dea unha situación como esta non deixa de ser estraño.
Burgos-BH: a globalización do ranking
Pero seguramente, a modificación máis significativa do trienio 2023-2025 foi a introdución progresiva do mérito deportivo na segunda división para que os equipos desta categoría tiveran que gañarse a oportunidade de ser invitados ás Grandes Voltas. Mentres as mellores escuadras da categoría de prata tiñan como obxectivo asegurar as invitacións, o resto loitaban por ter a opción de poder ser convidadas. Antes do 2023, con pagar a licenza para ser ProTeam, estes conxuntos xa tiñan a posibilidade de ser invitados ás Grandes Voltas (dependía das diferentes organizacións o poder estar presente nalgunha delas ou non). En cambio, a estes equipos se lles esixiu quedar por enriba dun determinado posto a partir dese ano.
Tendo en conta a todas as escuadras das tres divisións, tiñan que quedar entre os 50 primeiros a finais de 2023, entre os 40 ao terminar 2024, e entre os 30 ao finalizar 2025. Isto afectaba de cheo aos catro equipos ProTeam españois: Burgos-BH, Euskaltel-Euskadi, Kern Pharma e Caja Rural. Esta modificación no regulamento incentivou máis se cabe que Luis López continuara informando diariamente en X na súa conta ¿A cuánto está Movistar…?
Dos catro equipos españois, e de todos os equipos da segunda división en xeral, o que mellor soubo adaptarse ao sistema de puntos foi o Burgos-BH. Os Campionatos Nacionais e Continentais reparten unha cantidade de puntos moi importante, polo que manter unha estrutura de corredores unicamente españois non beneficiaba ao equipo.
Nos anos 2022 e 2023, dos 24 ciclistas que formaban parte do equipo, 18 eran nacionais. Nesta temporada 2026, na que se dá continuidade á regra de que os ProTeams deben quedar entre os 30 primeiros para poder ser escollidos polas Grandes Voltas, de 24 corredores, unicamente a metade son españois. Pero o máis "exótico" desta estratexia son as 12 nacionalidades diferentes dos ciclistas estranxeiros.
Marcos Serrano, que actualmente é o director deportivo do equipo filial do Burgos-BH, o Club Ciclista Padronés Cortizo (non ten licenza UCI, polo que só pode competir a nivel UCI nas probas ‘.2’), admite que “os puntos UCI son os que moven a política de fichaxes dun equipo como o Burgos-BH. Ciclistas como Chumil (guatemalteco) e Fagúndez (uruguaio) mostran máis valor neste sistema que un español do seu nivel”. Ambos ciclistas competiron no conxunto galego antes de dar o salto á escuadra burgalesa.
O uruguaio Eric Fagúndez é consciente desta situación e do motivo polo que é unha das pezas chave do equipo. É un dos mellores ciclistas uruguaios e está sempre arriba a nivel americano, polo que puntúa moito nos Campionatos Nacionais de Uruguai, nos Campionatos Panamericanos e nos Xogos Panamericanos.
O Burgos-BH levaba desde o 2018 na segunda categoría do ciclismo, e a viabilidade do equipo baseábase en ser invitado cada ano á Vuelta a España. Entre os anos 2018 e 2022, a organización decidiu que formarían parte da mesma, pero os resultados non foron os mellores en termos de ranking (74.º en 2019, 56.º en 2020, 44.º en 2021 e 61.º en 2022). Os puntos non lles influía nos seus obxectivos, polo que non ían ás carreiras en busca deles.
Sabían que con ser ProTeam era suficiente, e desta forma o único que agardaban era que as organizacións das distintas probas españolas do WorldTour (Vuelta a España, Volta a Cataluña, Volta ao País Vasco e Clásica de San Sebastián) lles concederan unha invitación. O director deportivo do equipo desde 2020, o francés Damien García, admite que a necesidade de optar a seguir sendo seleccionables para a Vuelta a España orientou a política de fichaxes a conseguir puntos en calquera recuncho do mundo.
Tras a desaparición do Euskaltel-Euskadi en 2013, outro equipo vasco, o Euskadi-Murias, puido competir na Vuelta a España nos anos 2018 e 2019. Pero a cor laranxa da “única escuadra do ciclismo que conta cunha afección detrás súa”, en palabras do xornalista Terio Carrera, non volvería ao profesionalismo ata 2020, baixo o nome de Euskaltel-Euskadi (mesmo nome, pero diferente estrutura da que competira no WorldTour sete anos antes). Coa presenza do Kern Pharma a partir de 2021 na segunda división, o número de ProTeams españois ascendeu a catro.
Os outros ProTeams españois
A Vuelta a España, desde 2020, decidiu as súas invitacións seguindo un criterio de alternancia. Coa chegada das invitacións por mérito deportivo, foi imposible que os catro ProTeams españois competiran dentro dunha mesma Vuelta. Desde o 2020, ano no que a organización española deixa de ter a potestade absoluta sobre as invitacións (o Total Energies de segunda división gañouse competir na carreira polo devandito mérito deportivo), sempre houbo polo menos un equipo español que se quedou fóra cada ano.
Pola alternancia mencionada con anterioridade, ao Euskaltel-Euskadi tocáballe correr a Vuelta en 2026, pero a posición 34.ª acadada polo conxunto vasco en 2025 (incluso dous equipos Continentais foron mellores ca eles) propiciou que a súa presenza na carreira non fora posible. Para Txomin Juaristi, ciclista que leva na estrutura desde os seus comezos como equipo Continental en 2018, o top 30 é o maior obxectivo do conxunto éuscaro en 2026.
Con respecto ao Kern Pharma, esta é a súa sexta temporada consecutiva na segunda división do ciclismo profesional. En cambio, confirmouse que para a temporada 2027, a empresa farmacéutica deixará de patrocinar ao equipo, polo que desde a estrutura tratarán de encontrar unha nova marca de cara á próxima temporada. De non ser así, os equipos españois en segunda división descenderán de catro a tres o ano que vén. Esta situación, segundo o xornalista Terio Carrera, pode deberse á non invitación á Vuelta 2025. As invitacións por parte da organización aumentaron de dous a tres ese ano, polo que sobre o papel, tres dos catro ProTeams españois poderían competir na Vuelta.

Fonte: Pro Cycling Stats • Autoría: Santiago Sampayo Pacín
1
1
1
1
2
2
2
2
3
3
3
3
4
4
5
6
Se ben é certo que nese ano 2025 lle tocaría non ir, esa invitación adicional da que dispoñía a organización española parecía que levaría o seu nome, e máis despois da gran Vuelta que fixeron en 2024. Ningún equipo conseguiu máis triunfos de etapa ca eles, e ten dobre mérito ao facelo diante dos 18 equipos WorldTour. En cambio, a organización da Vuelta concedeu esa invitación en 2025 ao equipo suízo Q36.5 do ciclista inglés Thomas Pidcock. O británico rematou 3.º na xeral, polo que dalgunha maneira, xustificou a invitación do conxunto helvético.
En cambio, que a Vuelta tomara por primeira vez a decisión de invitar a un equipo estranxeiro por riba dun nacional, resultou unha sorpresa desagradable no Kern Pharma, xa que pensaran que se gañaran ese posto despois da súa sobresaínte actuación en 2024. "Non imos poder darlle ás marcas máis de 80 horas de televisión cunha repercusión mundial moi grande", admitía Juanjo Oroz, director deportivo da estrutura, nunha entrevista a RTVE ao saber a noticia en abril de 2025.
Ante estas incertezas económicas (confirmadas polo xornalista Andrés Vieites), o equipo deu permiso aos seus corredores para que puideran buscar unha nova escuadra na que competir a próxima temporada, en 2027. Vieites afirma que “se non corren Grandes Voltas, os equipos da segunda división son deficitarios”, e o mellor exemplo desta realidade, segundo o xornalista galego, é o que lle está a pasar ao Kern Pharma.
No 2026, o equipo farmacéutico si estará na liña de saída da Vuelta a España. A non participación do Cofidis no Giro de Italia deixaba sete ocos para invitacións (tres no Giro, dous no Tour e dous na Vuelta) que irían dirixidas aos sete equipos ProTeam que entraron por mérito deportivo no top 30 sen haber podido acadar os tres postos de acceso directo. Estaba claro que os equipos italianos Polti VisitMalta e VF Group Bardiani, o Total Energies francés, e o Kern Pharma, serían convidados polas carreiras dos seus respectivos países. Se ningún destes equipos era invitado a outra Gran Volta, quedaba libre unha invitación en cada unha delas, con tres conxuntos aínda sen premio: o Unibet Tietema Rockets francés, o Burgos-Burpellet BH e o Caja Rural. Os dous españois foron convidados á Vuelta en 2025, polo que non se sabía cal deles sería o elixido este ano.
Pero esas dúbidas foron disipadas cando o Tour de Francia anunciou nas súas redes o 30 de xaneiro de 2026 que o Caja Rural, despois de 15 temporadas na segunda división do ciclismo, obtería unha invitación para a carreira máis importante do mundo. Esta decisión deixou vía libre para que a Vuelta se decantara polo Burgos-Burpellet BH e o Giro polo Unibet. Para Raúl Banqueri, a aposta da UCI por aumentar o número de invitacións foi un acerto que aínda conta con marxe de mellora.
Toda esta competitividade implementada pola UCI grazas a este sistema traduciuse nunha diferente forma de correr e de afrontar as fichaxes. A elección do calendario pasou a ser un dos factores máis importantes, porque o primeiro que agora teñen en conta a maioría dos equipos é cantos puntos poden conseguir por día de competición. E tal e como están distribuídos os puntos nas diferentes probas, as clásicas están moito máis valoradas que as voltas por etapas. Iso denuncia Ezequiel Mosquera, director do Gran Camiño, a única volta galega que dá puntos UCI e que, á súa vez, vese bastante prexudicada polo actual sistema de puntos.
Contacto: asvoltasquedanospuntos@gmail.com
© 2026 | As Voltas que dan os Puntos | Todos os dereitos reservados

