Verán do 2019, remataches de cursar o Grao de Xornalismo na Universidad de Zaragoza. Unha das etapas máis importantes da túa vida remata, e nese verán tes que decidir cal vai ser o teu seguinte paso. Pensas se cursar un máster, facer prácticas nun medio de comunicación, opositar… opcións diferentes e diversas. Resulta que o xornalismo de datos é a rama da carreira que mellor se che dá, mentres que o ciclismo é un dos teus deportes favoritos. En agosto tes a oportunidade de traballar en Zikloland, un humilde blog español que informa diariamente sobre o que acontece no deporte da bicicleta.
Informas sobre múltiples noticias, pero decátaste ao ler o regulamento da Unión Ciclista Internacional (UCI) que no mundo do ciclismo dá comezo en 2020 unha clasificación trienal por puntos que pode poñer en perigo a moitos equipos asentados na primeira división. Decides facer os teus cálculos día a día e publicar periodicamente os resultados do ranking na túa conta de X. Así comezou a viaxe de Raúl Banqueri, un rapaz aragonés que un lustro máis tarde, está considerado como unha das figuras máis influíntes deste deporte.
Como empezou todo
O ranking de puntos comeza a cobrar relevancia a partir de 2019. Os equipos da primeira división do ciclismo, os WorldTeams, son os que teñen o dereito e a obriga de asistir a practicamente todas a probas que compoñen o calendario UCI WorldTour (Tour, Giro, Vuelta, e as voltas por etapas e carreiras dun día máis prestixiosas). Pero as organizacións destas carreiras tamén contan coa posibilidade de invitar a un determinado número de equipos, sempre e cando estes formen parte da segunda división. É dicir, que sexan ProTeams (ata 2019 recibían o nome de Continentais Profesionais).
No 2019, a UCI decidiu que o mellor equipo de segunda división no ranking de puntos tería a oportunidade de participar en todo o calendario WorldTour, o que implica poder estar na liña de saída das tres Grandes Voltas sen depender das invitacións dos organizadores. No UCI World Ranking non só contan os puntos conseguidos no WorldTour, xa que todas as carreiras profesionais reparten puntos UCI. Os puntos dos dez mellores corredores de cada equipo serían os que se sumarían para determinar en que posto acabarían as estruturas na clasificación ao final de ano. Desta forma comezou a relación de Raúl Banqueri cos puntos UCI, informando en Zikloland sobre que escuadra de primeira división sería a vencedora.
Despois dunha longa loita contra o Wanty-Gobert Cycling Team belga, a finais de 2019 o premio recaeu no equipo francés Total-Direct Énergie. A partir desta experiencia comezáronse a notar as primeiras repercusións do ranking, pero sempre no panorama das invitacións ás carreiras de tres semanas. A presenza do Total-Direct Énergie na Vuelta a España do 2020 propiciou que por primeira vez desde a creación do UCI WorldTour (2011), un equipo español non puidera participar na Vuelta a España tendo a posibilidad de ser invitado.
A escuadra afectada foi o Euskaltel-Euskadi, xa que a organización da Vuelta só puido invitar a dous conxuntos españois, que foron o Burgos-BH e o Caja Rural. En 2020, as Grandes Voltas tiñan limitado o número de equipos participantes a 22. Nesta temporada, 19 escuadras contaban con licenza WorldTour, e xunto á incorporación do Total-Direct Énergie, desde a Vuelta só tiveron a liberdade de convidar a eses dous equipos. Polo tanto, quedou claro para os aficionados ao ciclismo que o ranking si que tiña importancia na segunda división.
Os equipos de segunda división con posibilidades reais de acceder ás Grandes Voltas por esta vía, como o Arkea-Samsic bretón ou o Alpecin-Fenix belga, deseñaron o seu calendario de carreiras dunha forma na que puideron maximizar a cantidade de puntos a conseguir. Ademais, ambas estruturas contaban con algúns dos mellores ciclistas do mundo para marcar as diferenzas: o escalador colombiano Nairo Quintana no caso dos franceses, e o clasicómano belga Mathieu van der Poel, na estrutura flamenca. Raúl Banqueri informou con especial interese na súa conta de X sobre isto, xa que as consecuencias desta batalla polas invitacións anuais eran visibles temporada tras temporada.
O Alpecin foi o equipo que tivo acceso directo ás Grandes Voltas de 2021 (mellor ProTeam de 2020). De cara ao 2022, a UCI permitiu que dúas escuadras de segunda puideran entrar como calquera conxunto WorldTour a Giro, Tour e Vuelta debido á diminución de equipos WorldTour (de 19 a 18 debido á desaparición do Team Qhubeka NextHash surafricano). Polo tanto, o Arkea e de novo o Alpecin foron os que se gañaron ese dereito ao ser os dous mellores de segunda en 2021.
Na temporada 2022 competiron un total 22 equipos tanto no Giro de Italia como no Tour de Francia, mentres que na Vuelta a España participaron 23 (a organización solicitáralle á UCI contar cunha escuadra máis na carreira de forma excepcional). As liñas de saída de cada unha delas estiveron compostas polos 18 WorldTeams e por catro ProTeams (cinco na Vuelta). Con respecto a estes ProTeams, uns deles eran invitados pola organización, mentres que outros podían elixir se competir ou non nas tres probas máis importantes do mundo ao gañarse o posto por mérito deportivo (casos mencionados do Alpecin e o Arkea).
Pero había algo que pasaba desapercibido para todo o mundo do ciclismo: a influencia que o ranking tiña para os equipos de primeira división, do WorldTour. Mentres Arkea-Samsic e Alpecin-Fenix preparaban cada temporada co obxectivo de acadar os máximos puntos posibles, os conxuntos da primeira categoría organizaban o seu calendario, planificaban as fichaxes e corrían as carreiras como se non houbera nada que os medira. O ranking funcionaba para eles como un baremo, sen nin sequera sospeitar a importancia que a clasificación podía ter.
A partir de 2021, Raúl Banqueri advertiu na súa conta de X de que os equipos do WorldTour podían correr o risco de descender de categoría ao final da temporada 2022. Soamente as 18 primeiras escuadras do ranking terían o dereito a formar parte do WorldTour en 2023. A UCI publicou un comunicado o 21 de decembro de 2018 no que informaba sobre esta circunstancia, e Raúl Banqueri comezou a interesarse por esta clasificación a partir dese mesmo instante.
Se ben é certo que a UCI actualizaba o ranking do ano cada martes na súa web, non daba visibilidade á clasificación trienal, polo que na mencionada web non quedaba claro a primeira vista cales eran as estruturas que estaban virtualmente dentro das 18 primeiras. A sensación cando comezou a difundir Banqueri a situación do ranking en 2021 era de que os equipos non lle prestaban atención. Ao fin e ao cabo, Raúl non tiña moitos seguidores en X, aínda que si que explicaba todo o que acontecía arredor da clasificación en A la Cola Del Pelotón, un dos podcasts de ciclismo máis escoitados de España.
A temporada 2021 rematou sen que o tema acadara ningún tipo de viralidade, pero en febreiro de 2022, Banqueri foi contactado polo medio especializado en ciclismo en lingua inglesa, Lanterne Rouge. Durante ese ano escribiu nesta web, profesionalizou a súa base de datos, e comezou a súa repercusión mundial.
A relevancia do ranking, ao descuberto
Raúl Banqueri, unha fonte imprescindible
A explosión da súa popularidade chegou antes do Tour de Francia do 2022. O diario Marca, periódico de deportes referente en España, non informara sobre esta situación durante todo o trienio. Pero cando desde o medio se decatan da importancia do ranking e, sobre todo, de que o Movistar Team (único equipo español no WorldTour) está en risco de descenso, recorren a Raúl para que explique en que consiste o ranking e cales son as claves do mesmo. Desde o Marca refírense a el como “Raúl Banqueri, periodista especializado en ciclismo, é o que máis sabe deste tema en España. Leva a súa propia clasificación, que comparte a través de redes e na que se fixan os equipos”.
A partir dese momento, concedeu entrevistas a xornais internacionais como El Espectador (Colombia) e Le Monde (Francia), a Radio Nacional de España, e á canle deportiva Eurosport. Precisamente, nesa cadea traballa na actualidade como narrador de ciclismo Javier Ares, histórico xornalista deportivo español que cubriu decenas de Grandes Voltas, que tamén requeriu dos servizos de Raúl para comprender como funcionaba o ranking e cales eran as consecuencias do mesmo.
Ata Pro Cycling Stats, a páxina web de estatísticas máis importante no mundo do ciclismo, carecía desa clasificación da que dispoñía Raúl (aínda que si especificaban como era o reparto de puntos en cada proba). O éxito de Raúl baseouse niso, encontrar un oco no mundo ciclista que ninguén cubría. Nin o rexistro de estatísticas dixitais sobre ciclismo máis grande do mundo, que conta con millóns de visitas ao ano, traballaba os puntos UCI da maneira na que eran presentados polo analista español. Nese verán de 2022, Raúl Banqueri pasou de ser un xornalista de datos a converterse nunha das persoas máis importantes do ciclismo mundial. O número de seguidores na súa conta de X multiplicouse ata superar os 10.000, entre os que se encontraban innumerables ciclistas e membros do staff de case todos os equipos.
Curiosamente, o manager xeral do Arkea-Samsic, Emmanuel Hubert, foi un dos que chamou persoalmente a Raúl Banqueri en 2022 para pedirlle consello sobre como podería maximizar a puntuación do seu equipo. Foi algo sorprendente para Banqueri, xa que na súa opinión o Arkea foi o equipo que mellor soubo entender o calendario.
O caso de Hugo Hofstetter, ciclista francés do Arkea en 2022, representa de maneira bastante fidedigna a manipulación da puntuación da que fala Banqueri. Se un ciclista gañara 4 etapas nun Tour de Francia sería un fito destacado e recordado para sempre na historia do ciclismo. En termos clasificatorios, iso reportaría un total de 480 puntos UCI para o equipo. Hugo Hofstetter, nun período de 20 días entre febreiro e marzo participou en cinco clásicas belgas e unha holandesa, todas elas de baixo nivel (tres ‘.Pro’ e tres, ‘.1’). Non gañou ningunha, pero quedou no podio en cinco delas e 7.º na restante, o que lle permitiu sumar 560 puntos.
Sen vencer en ningún dos seis días, o Arkea conseguira cun só corredor 80 puntos máis dos que sumaría se gañaran 4 etapas no Tour. Ao final do ano, foi o corredor que acabou con máis puntos UCI do equipo (1.227 puntos). Para os equipos en perigo de descenso, os ciclistas que superaban o millar de puntos eran considerados como figuras chave dentro da estrutura.
Un ranking moi manipublable
Cando o mundo do ciclismo abriu os ollos na segunda metade de 2022, Arkea e Alpecin xa se encontraban nunha zona cómoda do ranking, polo que para eles, formar parte da primeira división a partir de 2023 sería unha realidade (salvo catástrofe). Practicamente a metade dos equipos do WorldTour estaban somerxidos nunha situación moi complicada. Dos 36 meses que duraba ese período de clasificación, soamente lles quedaban catro para reaccionar (a temporada ciclista sempre remata en outubro). Nun deporte tan grande como o ciclismo, parece incrible que algo tan importante puidera pasar desapercibido para tantos equipos ata ese momento.
No caso de descender de categoría, competir nas Grandes Voltas deixaría de ser un feito asegurado para os equipos damnificados. Iso converteríase para estes conxuntos nunha crise que podería derivar nunha futura perda de patrocinadores. Raúl Banqueri admitiu que para os equipos, “o 70 % da campaña a nivel de sponsors xustifícase correndo o Tour de Francia”.
Raúl Banqueri entrou na historia do ciclismo poñendo en evidencia a falta de profesionalidade nalgúns equipos, entre eles o único español da categoría, o Movistar Team. O xornalista zaragozano chegou moito máis lonxe do que se podía imaxinar, e aproveitou as devanditas carencias existentes no ciclismo para facerse un oco no deporte das dúas rodas. Finalmente chegou a traballar en 2025 para equipos profesionais como o Movistar Team… que por certo, nesa temporada 2022, descendeu ou non descendeu?
Contacto: asvoltasquedanospuntos@gmail.com
© 2026 | As Voltas que dan os Puntos | Todos os dereitos reservados

