top of page

Puntos UCI,

como cambiaron o ciclismo

ETAPA 5

O limiao Carlos Canal subindo o Monte Trega no Gran Camiño 2026 / RODRIGO RODRIGUES

Non todos os equipos miran os puntos UCI, porque os mellores do WorldTour (UAE Team Emirates, Team Visma-Lease a Bike, Netcompany INEOS…) contan con ciclistas tan bos que a permanencia non é unha preocupación para eles. De feito, Tadej Pogaçar (UAE Team Emirates), no trienio 2023-2025 conseguiu un total de 31.031 puntos, polo que se el só fora un equipo, salvaría a categoría ocupando a 17.ª praza.

Pero a realidade é que o calendario está condicionado na gran maioría dos equipos polos puntos UCI que se reparten por día de carreira, e as voltas por etapas son as grandes afectadas polo deseño deste sistema. Tal e como denuncia Ezequiel Mosquera, director do Gran Camiño, todos os equipos desde 2022 miran onde hai máis puntos por día de competición, e iso é algo no que os organizadores das clásicas, cos números na man, saen gañando.

Clásicas > Voltas

No caso do Gran Camiño (‘2.1’), existe unha comparativa real que verdadeiramente mostra as diferenzas entre as clásicas e as voltas: a Challenge de Mallorca. A Challenge de Mallorca é unha competición ciclista organizada nas Illas Baleares durante o mes de xaneiro composta por cinco clásicas que se corren en días consecutivos. Tradicionalmente, estas clásicas mallorquinas reciben o nome de ‘Trofeo’, e a puntuación que outorga cada unha delas é a dunha carreira dun día da mesma categoría do Gran Camiño ('1.1').

Mosquera afirma que existe un desprezo cara ás voltas por etapas. Se o único que importara foran os puntos, poderíase facer como no caso da Challenge de Mallorca, pero iso segundo o director do Gran Camiño “empobrecería o contexto ciclista ao desaparecer as contrarreloxos, ao diluír o traballo colectivo para defender a un líder, e ao perder a vertebración territorial que achegan varias etapas dentro dunha mesma competición”.

Este ano, Mosquera escribiulle un comunicado á UCI titulado ’Propuesta de equilibrio de puntos en ciclismo’, onde denuncia a discriminación sufrida polas voltas e propón unha nova forma de puntuar as carreiras, que consiste en que as voltas puntúen ao día un 70 % do que vale unha clásica (non o 100 % debido ás vantaxes loxísticas que ofrece unha volta) en cada unha das categorías (‘UWT A’, ‘UWT B’, ‘.Pro’, ‘.1’ e ‘.2’).

Segundo Mosquera, a división realízaríase da seguinte forma nas voltas por etapas: 50 % dos puntos para a xeral final, 40 % para as etapas e 10 % para os vencedores das clasificacións intermedias (estas últimas soamente se premian no sistema actual en Giro, Tour e Vuelta). A pesar deste razoamento, Ezequiel Mosquera pensa que “a UCI non vai facer nin caso a esta proposta”.

Ademais do deficitaria que resulta unha carreira como O Gran Camiño fronte ás clásicas, na proba galega teñen que lidiar cun problema adicional: non pode subir de categoría. Neste 2026, Ezequiel Mosquera esperaba que a volta ascendera de ‘2.1’ a '2.Pro’, pero non contaba cun factor que recolle o regulamento: hai un número de días máximo por país na suma das probas WorldTour e ‘.Pro’. O exvicepresidente da UCI, o portugués Artur Lopes, deixou claro na saída da edición 2026 que “se unha carreira ‘.1’ tivo na súa lista de equipos nunha das dúas últimas edicións un mínimo de seis conxuntos WorldTour e cinco ProTeams, tería dereito a solicitar o ascenso de nivel a ‘.Pro’”.

No ano 2024 viñeron ao Gran Camiño seis WorldTeams e seis ProTeams, polo que ese requisito estaba cumprido. Pero a cantidade máxima de días de competición que debe albergar un país entre as probas WorldTour e as '.Pro' é do 15 % do total (varía segundo o país xa que Francia, por exemplo, conta cun límite maior), e España xa supera sen a incorporación do Gran Camiño esa porcentaxe. Carlos Canal, ciclista galego do Movistar Team, considera que "é unha mágoa que unha carreira tan ben organizada non poida ter cabida nun nivel superior".

A globalización do calendario, contra O Gran Camiño

O Gran Camiño cambiou de datas neste 2026. Fundado en 2022, despois de catro anos nos que a proba por etapas se celebraba durante a segunda quincena de febreiro, esta temporada adiouse ata mediados de abril. A carreira naceu en febreiro para atraer a máis equipos importantes, pero por cuestións climatolóxicas, considerouse abril como un mellor mes para celebrar a proba. Esta modificación propiciou que o interese dos grandes equipos en correr esta volta fora menor. Coincide coa temporada de clásicas belgas (tanto de adoquíns como das Ardenas) e coas carreiras preparatorias de cara ao Giro de Italia. Pero tamén comparte días co Tour de Hainan, volta por etapas ‘2.Pro’ albergada na China.

Tres dos catro ProTeams españois (Euskaltel-Euskadi, Burgos-BH e Caja Rural) desprazáronse ata o continente asiático na busca de puntos UCI que O Gran Camiño non pode repartir. Abel Balderstone, ciclista do Caja Rural, correu no Gran Camiño este ano, pero é consciente que, coa cabeza nos puntos, sería máis importante para o equipo gañar unha volta como a chinesa en lugar da galega.

Ezequiel Mosquera cre que debe revisarse a normativa. Actualmente, no caso de España, as carreiras que adquiriron a licenza ‘.Pro’ primeiro (a última delas, o Gran Premio Miguel Induráin en 2020) manterán a categoría aínda que estean peor organizadas ou teñan peor participación que algunha ‘.1’. É dicir, o límite de días de competición por país non permite ao Gran Camiño crecer como carreira, e ao non haber un sistema de ascensos e descensos como o que si existe entre os equipos, probas coma esta quedan estancadas. O Gran Camiño destaca por coidar ao milímetro todos os detalles e por "vender o territorio" dunha maneira única, ao alcance de moi poucas probas en todo o mundo.

Mosquera admite que polo que lle comentan desde os equipos “quedan satisfeitos e queren volver aquí a competir, pero polo sistema de puntos deciden ir correr outras probas que lles son máis produtivas”. Artur Lopes, que segue formando parte da directiva da UCI ostentando un cargo honorífico, afirma que elixir o nivel das carreiras avaliando os diferentes factores que as rodean sería máis xusto. Unha regulamentación así favorecería claramente ao Gran Camiño no seu obxectivo de subir de categoría.

Córrese de forma diferente

Para os ciclistas, filtrarse en fugas e escapadas que non chegan a ningunha parte polo impulso do pelotón é cada vez menos atractivo se durante o percorrido das etapas non se reparten puntos UCI. A ausencia de puntos nas clasificacións intermedias das voltas por etapas e a gran cantidade de puntos que se reparten ao final das clásicas, fixo que o calendario da maioría dos ciclistas cambiara por completo. España é un país con tradición de voltas. Gañar unha carreira de varios días na que no podio final o vencedor vístese coa prenda outorgada ao campión é o que movía aos aficionados españois a seguir o deporte da bicicleta. Este interese traducíase en que os equipos españois seguían esa filosofía: o importante, render nas voltas.

En cambio, ao implementarse este sistema de puntuación, deixouse ás claras que as clásicas son máis rendibles. Os equipos corren cada vez máis carreiras dun día, e iso nótase no calendario dos ciclistas. Antonio Jesús Soto, corredor do Kern Pharma, é un bo exemplo. Desde 2020 leva competindo en equipos españois da categoría ProTeam, polo que puido experimentar en primeira persoa a importancia do ranking.

Debido á importancia que adquiriron as carreiras dun día, “o perfil de ciclista que aumentou o seu valor no mercado é o dos clasicómanos”, afirma Raúl Banqueri. Os escaladores puntúan ao final das voltas por etapas na xeral final, pero un corredor rápido que poida render en todos os terreos (media montaña, adoquíns...) é o tipo de ciclista máis cotizado no mercado actual. No Movistar Team, Álex Aranburu cumpriu con ese rol durante as temporadas 2023 e 2024, sumando ao redor de 1.500 puntos os dous anos (2.º que máis contribuíu no equipo nos dous anos). A súa marcha do equipo foi suplida con éxito en 2025 polo venezolano Orluis Aular, que con máis de 1.000 puntos foi o mellor ciclista da estrutura nesa temporada.

Para Juan Clavijo, narrador de ciclismo en Eurosport, houbo un cambio evidente nas estratexias co fin de conseguir puntos. En lugar de depositar toda a confianza nun único corredor para as chegadas ao esprinte ou para a xeral, o dominio dos ciclistas e dos equipos máis potentes favorece a que as escuadras necesitadas de puntos traten de meter a varios corredores nos primeiros postos. Saben na maioría dos casos que non van gañar, pero esta táctica resúltalles máis rendible á hora de puntuar.

Últimas novidades e consecuencias do ranking

Para conseguir os puntos desexados, os equipos cada vez contan cun calendario máis amplo de carreiras. Iso provocou que neste 2026, todas as escuadras WorldTour agás o Uno-X teñan un equipo Continental que funciona a modo de filial, de segundo equipo. Os WorldTeams deben asistir ás Grandes Voltas con oito ciclistas, ao resto de probas WorldTour con sete, e ás carreiras ‘.Pro’ e ‘.1’ con sete ou seis. Nestes eventos dun nivel inferior, que non forman parte do calendario WorldTour, os conxuntos de primera división poden botar man dos corredores do segundo equipo.

O Movistar fundou neste 2026 o Movistar Team Academy, cunha primeira fornada de 12 corredores que alternan carreiras sub-23 con probas do primeiro equipo. Todos eles debutaron co conxunto principal ao longo desta temporada, sendo o último deles o carballés Tomás Pombo, no Gran Camiño. Para Raúl Banqueri, que a UCI aprobara en 2020 esta medida que permite aos equipos principais utilizar máis de 40 corredores ao longo da temporada foi todo un acerto.

Despois de todas as innovacións e cambios relatados que transformaron o ciclismo masculino neste lustro, en 2026 decidiuse que se aplicarían tamén ao ciclismo feminino. Raúl Banqueri traballa desde 2023 no equipo feminino estadounidense Human Powered Health como asesor, proporcionado datos á escuadra para mellorar o rendemento das corredoras co fin de acadar mellores resultados. En cambio, a UCI non se decidiu ata este ano a aplicar un idéntico sistema de puntos ao calendario feminino, coas mesmas consecuencias que no masculino. Pero no caso das Grandes Voltas, a escaseza de equipos prexudica que o devandito sistema sexa efectivo.

Actualmente hai 14 conxuntos WorldTour e sete ProTeams, polo que os 21 participan sen ningunha restrición no Tour de Francia. No caso do Giro e da Vuelta, a ausencia dalgúns ProTeams que deciden non acudir obriga ás organizacións a chamar a equipos Continentais para cubrir o cupo mínimo de equipos. Para Banqueri, a uniformización dos criterios é positiva para impulsar aínda máis o ciclismo feminino.

A Unión Ciclista Internacional confirmou en outubro do ano pasado que, de cara ao próximo curso, outras disciplinas do ciclismo pasarían a ser unha nova fonte de puntos UCI para os equipos a partir do 19 de outubro (día que comeza a temporada 2027). Ata agora, o ciclismo en ruta era a única disciplina que se tiña en conta para sumar puntos no ranking, pero é certo que moitos equipos contan con ciclistas multidisciplinares nas súas filas, que combinan o ciclismo de estrada con outras modalidades como a pista, o ciclocross, o mountain bike ou o gravel.

Mentres que Raúl Banqueri cre que esta nova medida non terá moita influencia no ranking. 

Damien García, o director deportivo do Burgos-BH, afirma que estarán atentos por se ao final teñen que realizar algún movemento no mercado a raíz desta nova variante do regulamento. Hai que destacar que a escuadra burgalesa contou entre 2021 e 2023 co español Felipe Orts, un dos mellores corredores de ciclocross do mundo, polo que neste equipo español tamén teñen experiencia á hora de contar con ciclistas con estas características.

Resulta sorprendente que en medio dun trienio a UCI decida implementar unha medida coma esta, pero segundo Banqueri, “tal e como se comporta a UCI non é estraño, xa que o regulamento é moi moldeable. Cámbiano moitas veces seguindo os seus intereses”. A xullo de 2026, en plena disputa do Tour de Francia e unicamente catro meses antes de que entre en vigor a nova normativa, aínda non se sabe como será a puntuación nas diferentes disciplinas.

Sobre como quedou a clasificación do trienio 2026-2028 antes do Tour de Francia 2026, hai un equipo WorldTour que está en serios problemas, o Team Picnic PostNL holandés. A cantidade de puntos obtida por este conxunto antes da volta máis importante do mundo non chega á terceira parte do penúltimo peor equipo WorldTour, o EF Education-Easypost estadounidense. Ademais, os holandeses son a única escuadra que non conta coa licenza WorldTour renovada para todo o trienio, xa que a súa vixencia vence ao final desta temporada.

Ranking UCI | Professional Cycling Performance Analysis é unha conta de X española que leva informando desde 2024 sobre os puntos que logra diariamente cada conxunto WorldTeam e ProTeam. Despois de seguir e ler o regulamento, opina que “se o Picnic non encontra unha forte financiamento de aquí a final de temporada, ten pinta de desaparición. Neste caso, a UCI debería deixar vacante a 18.ª posición e dar a posibilidade ás Grandes Voltas de invitar a un equipo ProTeam máis durante a seguinte temporada. Subir a un ProTeam ao WorldTour en 2027, sería adulterar o sistema de puntuacións e trienios”.

Contacto: asvoltasquedanospuntos@gmail.com

© 2026 | As Voltas que dan os Puntos | Todos os dereitos reservados

bottom of page