A comezos dos 80, o equipo Reynolds deu o salto ao profesionalismo e disputou a súa primeira Vuelta a España en 1980, na que gañaron unha etapa. A partir de entón, o conxunto español viviu instalado na elite do ciclismo, converténdose a día de hoxe no equipo máis lonxevo do pelotón internacional. Dominaron as Grandes Voltas con diferentes ciclistas durante máis de catro décadas, con corredores españois e latinoamericanos. Desde 2014, é o derradeiro bastión hispano que permanece na categoría máis alta do ciclismo mundial. Pero dos éxitos pasados non se vive no deporte profesional. Sen apenas decatarse, a mediados de 2022, o conxunto navarro tivo que lidiar cun perigo cuxa consecuencia principal podía ser devastadora para os intereses do equipo: non poder competir no Tour de Francia por primeira vez en 40 anos.
Desde 1980, o crecemento do equipo Reynolds foi exponencial. Despois de participar en tres Vueltas a España (seis vitorias de etapa logradas nese período de tempo), a estrutura afincada en Navarra e patrocinada por unha empresa de papel de aluminio tivo a oportunidade, ao ser invitada, de competir no Tour de Francia de 1983.
O primeiro contacto coa ronda gala foi inolvidable para a estrutura dirixida por Eusebio Unzué (presente en todas e cada unha das temporadas do equipo ata a actualidade): etapa e 2.ª posición na xeral co abulense Ángel Arroyo e unha actuación memorable dun xove Pedro Delgado. Este sobresaínte rendemento do único equipo español desa edición deixou unha moi boa impresión na organización do Tour de Francia, polo que desde ese ano, o conxunto navarro sempre foi invitado a correr a carreira máis importante do mundo.
Cara ao final desa década, Pedro Delgado, vencería as primeiras dúas Grandes Voltas da estrutura: o Tour de Francia de 1988 e a Vuelta a España de 1989. Reynolds deixaría de patrocinar ao equipo en 1990, e a entidade bancaria Banesto pasaría a ser o nome principal e a marca coa que se lograrían os maiores éxitos da estrutura.
Historia do ciclismo mundial
A escuadra navarra non tivo ningún problema en clasificar a todos e cada un dos Tours de Francia que se rexeron polo Ranking FICP/UCI, e o principal motivo debíase ás grandes actuacións de Miguel Induráin. O ciclista nacido en Villava (Navarra) venceu cinco Tours de Francia seguidos (1991-1995) e dous Giros de Italia (1992-1993). Os dous anos nos que logrou o doblete Giro-Tour, ‘Miguelón’ liderou o ranking individual ao final de ano. Por outra banda, o Banesto venceu o ranking por equipos tanto en 1992 como en 1993, polo que a continuidade da estrutura no Tour de Francia estaba asegurada sen problemas, e máis se contaban co cinco veces campión nas súas filas. Con este patrocinador tamén chegou a Vuelta de 1998, da man de Abraham Olano.
Coa chegada do ProTour en 2005, Banesto deu un paso ao costado para deixar o patrocinio principal á entidade financeira francesa Caisse d’Epargne (nos anos 2004 e 2005 o equipo tamén vestía na camiseta o patrocinio da comunidade autónoma das Illas Baleares). A escuadra mantivo a base en España e a licenza seguía sendo española, polo que aínda que a marca era estranxeira, non implicou unha modificación de nacionalidade na estrutura.
Baixo o nome de Caisse d’Epargne caeron dúas Grandes Voltas máis para a estrutura: o Tour de Francia 2006 da man de Óscar Pereiro (logro que está considerado como o fito máis importante da historia do ciclismo galego) e a Vuelta a España 2009 de Alejandro Valverde. O conxunto español gañou o premio ao mellor equipo do UCI ProTour no 2008, e Valverde o de mellor ciclista en 2006 e 2008.
A última etapa da histórica estrutura con sede en Navarra comezou en 2011. A compañía de telecomunicacións Telefónica sumouse como patrocinador principal, polo que decidiu representar ao equipo baixo o nome de Movistar Team. Desde entón, a escuadra encóntrase consolidada na primeira división do ciclismo, no UCI WorldTour, e en 2014 convertiríase na única supervivinte española dentro da categoría.
Se ben daquela existía o ranking do UCI WorldTour, que soamente tiña en conta as probas máis importantes do mundo ás que estaban obrigados a asistir os conxuntos de primeira división, a puntuación non era tan importante. Jesús Herrada, ciclista profesional que competiu nas filas do Movistar Team entre 2011 e 2017, ten claro que a trascendencia da clasificación non era moi grande durante eses anos.
O Movistar Team logrou rematar no primeiro posto do ranking cada un dos anos do período 2013-2016, e sumou tres Grandes Voltas máis ao palmarés da estrutura. O colombiano Nairo Quintana impúxose tanto no Giro de Italia 2014 como na Vuelta a España 2016. Anos máis tarde, no 2019, o ecuatoriano Richard Carapaz gañaría a que ata agora é a derradeira gran carreira vencida polos navarros, ao triunfar no Giro de Italia. Tras este último éxito, comezaron os problemas.
Os puntos non se tiñan en conta
A marcha de Nairo Quintana, Richard Carapaz, e do escalador alavés Mikel Landa a finais de 2019, deixaron ao equipo orfo para as Grandes Voltas. A fichaxe de Enric Mas, o escalador español máis prometedor do momento, non foi suficiente para cubrir o vacío de triunfos e de puntos. O equipo xa non contaba cun dos presupostos máis altos da categoría, e a súa visión tradicionalista de utilizar carreiras sen unha maior ambición que a de prepararse para os grandes obxectivos da temporada, é dicir, para as Grandes Voltas, non axudaba á hora de conseguir puntos.
Xusto antes do Tour de Francia 2022 comezaron a decatarse da importancia dos puntos grazas ás estatísticas difundidas por Raúl Banqueri, e a presión e o estrés apoderouse dos dirixintes. Antes dese verán, os equipos en perigo non se preocupaban tanto dos puntos, admitido así por Ezequiel Mosquera, director da volta galega O Gran Camiño, cando algúns equipos viñeran a competir nela en febreiro de 2022.
Esta situación de perigo creou alarmismo entre os españois aficionados ao ciclismo. O Movistar Team está considerado como o derradeiro vestixio na elite dos grandes éxitos obtidos polo país ibérico no deporte da bicicleta ao longo da súa historia. Se baixara a segunda división, o ciclismo español viviría, obxectivamente, o seu peor momento de sempre.
Despois de ver toda a situación de crise que envolveu ao equipo navarro, Luis López, un aficionado ao ciclismo, creou unha conta de X co nome ¿A cuánto está Movistar del descenso? (na actualidade, ¿A cuánto está Movistar...?). Chegou a un acordo con Raúl Banqueri para difundir os gráficos elaborados polo zaragozano na súa conta. A partir de entón, a repercusión de ambos foi en aumento.
En serio perigo de descenso
Luis López tiña constancia da importancia sobre os puntos UCI desde 2020 ao escoitar a Raúl Banqueri falar sobre os mesmos no podcast A la Cola Del Pelotón, polo tanto, sabía do que informaba. López, residente en Vigo, comezaría coa conta o 19 de xuño de 2022, e o 23 dese mes empezaría a utilizar os gráficos de Banqueri para exemplificar a situación do Movistar, días antes dun Tour de Francia que saíu realmente mal para os intereses telefónicos: soamente lograron 135 puntos computables para o equipo en 21 días de competición.
O seu líder para a xeral, Enric Mas, ía 11.º a falta de tres días de competición, o que significaría sumar 150 puntos se mantiña esa posición ao rematar a carreira. En cambio, ao final da etapa 18 admitiu nos micrófonos de RTVE que sentía temor a baixar coa bicicleta os portos de montaña, despois de ter dúas duras caídas con anterioridade esa temporada. Perdeu moito tempo durante a carreira debido a iso, e finalmente preferiron priorizar a súa recuperación e a súa saúde mental, polo que abandonou ao día seguinte. Todo o traballo que o equipo fixera polo seu líder durante as tres semanas traduciuse en 0 puntos UCI.
A situación era crítica. Despois do Tour, por primeira vez en 2022, o Movistar ocupaba o posto 18.º. É dicir, marcaba a “salvación”. Para ir á caza de puntos, programaron ir a dúas voltas ‘2.1’ en Francia no mes de agosto, a cinco clásicas en Bélxica (dúas '1.Pro' e tres ‘1.1’) en setembro, e incluso desprazarse en outubro ata Malaisia para disputar o Tour de Langkawi ('2.Pro'), a derradeira carreira do ano que repartía puntos. Estes desprazamentos non estaban previstos na axenda do equipo, pero a necesidade era extrema.
O equipo presentouse na Vuelta a España co obxectivo de facer unha boa xeral con Enric Mas (recuperado a tempo para a gran cita), mentres que practicamente o resto de corredores con opcións de facer puntos (recordar que só os 10 corredores con máis puntos podían facer que o Movistar sumara) foron enviados a correr o calendario alternativo deseñado para salvar a situación.
En especial, chamou a atención a baixa de Álex Aranburu na Vuelta a España, unha das apostas máis importantes do Movistar nesa temporada para sumar vitorias de etapa nas carreiras importantes. Perdérase o Tour para chegar á Vuelta en plenitude, pero a loita polos puntos prevaleceu á hora de tomar unha decisión sobre o seu calendario. Por ese motivo, tal e como reafirma Ezequiel Mosquera, ese ano o ciclista vasco quedouse sen participar nunha Gran Volta.
Unha salvación traballada
Nove vitorias sumou o Movistar Team a partir de agosto. O equipo rendiu como nunca o fixera en todo o trienio. Cada triunfo impulsaba outro resultado positivo. Nas dúas voltas francesas de agosto, vitoria de etapa de Antonio Pedrero no Tour de l’Ain (64 puntos logrados polo corredor durante a proba) e triunfo na xeral final de Aranburu no Tour de Limousin, ademais de sumar unha vitoria de etapa e quedar no podio noutras dúas (156 puntos en total). Xa en setembro, na Volta a Gran Bretaña, o falecemento da raíña Isabel II durante o transcurso da mesma obrigou a rematar a carreira con tres etapas de antelación. Nese intre, Gonzalo Serrano lideraba tras cinco días de competición despois de vencer a etapa 4. Como consecuencia, rematou levándose a xeral da proba (225 puntos).
Finalmente, o botín de puntos que certificou a salvación foi a grande actuación de Enric Mas na Vuelta a España, ao quedar 2.º na xeral, 3.º na montaña, 3.º na regularidade, e top 5 en múltiples etapas (848 puntos en total). E nas clásicas italianas do final da temporada, Iván García Cortina venceu no Gran Piemonte (200 puntos), mentres que Enric Mas triunfou diante do mellor ciclista do mundo, Tadej Pogaçar, no Giro da Emilia (200 puntos). Case repitiu esta fazaña no derradeiro Monumento da temporada, o Giro de Lombardía, pero esta vez tocoulle chegar xusto detrás do esloveno (400 puntos). A guinda do pastel púxose en Malaisia, no Tour de Langkawi, para rematar a temporada o 18 de outubro con vitoria de etapa e xeral final vencida polo colombiano Iván Ramiro Sosa (245 puntos).
Ao final, Lotto Soudal e Israel Premier-Tech (este último incluso fichou en verán, algo inusual no mundo do ciclismo, á desesperada para salvar a temporada ao belga Dylan Teuns, gañador da Frecha Valoa dese ano) descenderon de categoría. Dos equipos que estarían en segunda división en 2023, Lotto Soudal foi o que mellor temporada 2022 fixo (14.º), polo que podería elixir competir ou non nas Grandes Voltas. En cambio, o ano do Israel (19.º) foi peor que o do Total Energies (17.º), polo que esa terceira praza lle deixaba sen ter a seguridade de poder correlas de inicio. É dicir, a súa participación dependería do criterio dos organizadores.
Durante o trienio 2023-2025, estes equipos terían que loitar ano tras ano por quedar entre as dúas primeiras escuadras da segunda división para asegurarse poder decidir se participar ou non no Giro, no Tour e na Vuelta. Dese destino salvouse o Movistar, que tras moitos momentos de tensión, puido salvar a categoría e firmar a permanencia no WorldTour durante as seguintes tres temporadas.
Iso non quita a inconsciencia e irresponsabilidade por parte do equipo Movistar, xa que miraron cara a outro lado durante dous anos e medio para, finalmente, sacar todo o seu potencial en carreiras que nunca correrían nun principio coa misión de evitar o desastre. Tal e como afirma Luis López, Patxi Vila, un dos directores deportivos da estrutura, falara na canle de YouTube A Pie de Puerto referíndose ao sistema de puntos como algo ao que desde o equipo "non se lle facía moito caso”.
Pensaban que polo nome e con corredores do talle de Alejandro Valverde e Enric Mas sería suficiente. En cambio, demostrouse que, salvo no caso dos superequipos (UAE, Visma...) que contan nas súas filas con moitos dos mellores ciclistas do mundo e suman puntos case "sen querer", o resto de escuadras terminaron sufrindo por permanecer na elite debido a este novo sistema. Sobre todo os de media táboa cara abaixo, entre os que se encontraba o Movistar.
O Movistar Team planificou moito mellor o trienio 2023-2025, tanto no referente ás fichaxes como no que atinxía calendario. Nese período non sufriron, e puideron salvar a categoría sen problema. Todos os equipos tiveron máis en conta o ranking e os cambios que tiñan relación co mesmo. Ademais, a Unión Ciclista Internacional quixo engadir competitividade na segunda división, concretamente na parte baixa da categoría de prata. Iso afectou seriamente, en todos os ámbitos, aos catro equipos españois que formaban parte da mesma.
Contacto: asvoltasquedanospuntos@gmail.com
© 2026 | As Voltas que dan os Puntos | Todos os dereitos reservados

